sábado, 25 de agosto de 2012

Haikus de Cuba 1



Estes versiños están dedicados á miña amiga Margarita, que deixou a súa casa da Habana hai case 50. E mais nunca alí tornou. Estou segura de que aínda a leva na memoria mais profunda do corazón. A ver se consigo colgar a     foto que lle saquei á rúa Egido (agora se chama avenida Bélgica).Vai por ti, Margarita:


Habana (A Margarita)

Lúa de prata
chouta polos tellados
e ronronea.

E ronronea
movendo a súa cola
a lúa bébeda.

A lúa bébeda
que chora cando escoita
as voces negras.

As voces negras
resoan polos cantos
de toda a vila.

De toda a vila
van chegando lembranzas
 de Margarita.

De Margarita,
que soñaba gardenias
 dende Galicia.

Dende Galicia
visitarei o Egido
coa sombra dela

Coa sombra dela
paseo polas rúas
da Habana vella…

…Da Habana vella,
pintada cos sorrisos
 da nova Habana.

A nova Habana
durmindo ao sol de día,
viva na noite.

Viva na noite,
polos balcóns enreda
lúa de prata.







Eureka! Din feito, aínda que o resultado non sexa espectacular e teña un pouco de trampa (porque a lúa chea tocoume en Santiago, pero de noites todas as postais das cidades son parecidas)


No hay comentarios:

Publicar un comentario