lunes, 25 de junio de 2012

Vai de haikus outra vez.


Pois parece ser que, como Maxi, chegado o momento entrou na "fase pedra", do mesmo xeito eu estou entrando na "fase haiku". Espero parar a tempo, antes que como ela, empece a non ver outra cousa e acabe dexenerando en vomitonas ate que se me dea de volta o estómago literario e xa non quede mais que facer.

Ben, recoñezamos que é unha forma doada de xogar con imaxes e palabras. E moi aberta. Co gallo do San Xoán, querendo poñerme a escribir calquera cousiña que se parecera a un esconxuro contras as meigas que inzan o país por terra, mar e aire,empezaron a saírme haikus como pedriñas. E, como soltos non me convencían, pois alá fun a enfialos. Parecía que tivesen imán os uns cos outros: saiu de seu. Podían encadearse por adiante, por atrás, por arriba, por abaixo, por activa e por pasiva. Resultou divertido. Así que os poño aquí non só por ti, salamandrágora, senón por ver se hai alguén que se anima a continuar a cadea. Pero non como estas que estamos afeitos a recibir, pelotas que van rebotando en vinte mil tellados e sementando sorrisos e ameazas ...Mais ben como bola de neve que medra e medra. E acaba estoupando en vinte mil fragmentos. Anacos que poderían ser balíns pero é mellor que se convirtan nos cubitos para refrescar o verán.
My only & enough, vai por ti,  (and I?m waiting for your help)




HAIKUS ENCADEADOS POR SAN XOAN
Crepita o mar
escribindo na area…
Noite de San Xoán!

Noite de San Xoán.
Loita a auga co lume.
Quen vencerá?

Quen vencerá
se o corazón da terra
bule no mar?

Bule no mar
a bolboreta lúa.
Choutan estrelas.

Choutan estrelas
polo medio das ondas
na noite meiga.

Na noite meiga,
como flores de sangue
as cacharelas.

As cacharelas
agariman con fume,
bican  con lapas.

Bican con lapas
vagalumes axóuxeres,
xogan con lume.

Xogar con lume,
como xogan os demos,
e o mesmo Deus.




2 comentarios:

  1. E o mesmo Deus
    sabe do desacougo
    silente do mar.

    Ahí che vai, a miña aportación á cadea de haikus. Procurarei difundir.

    Un biquiño.

    ResponderEliminar
  2. E o mesmo Deus
    sabe do desacougo
    mudo do mar.

    Corrección ao meu haiku cunha sílaba de máis, para que sexa correcta a cadea k difundirei no meu blog.

    Un bico e boas vacións.

    ResponderEliminar