lunes, 18 de junio de 2012

Continuamos cos haikus

Non sei se xa o dixen. O haiku é un subxénero da lírica xaponesa que os autores de principios do século XX puxeron de modo. Son micropoemas formados por 3 versos de medida 5/7/5, como os bordóns das seguidillas, só que estes non precisan ningún tipo de rima. Os haikus canónicos son apuntes que reflexan observacións dalgún detalle significativo da natureza que chama a atención porque algún motivo, especialmente a presencia de contrastes. Por iso baséase nunha linguaxe sinxela e esencial: verbos en presente (ou ausencia deles) sustantivos, escasez de adxectivos; algunha imaxe, algunha repetición, algunha antítese. E pouco mais. Imaxinación e emotividade están moi contidas. Por iso é bastante fácil saírse destas regras. Pero non importa. O caso é ter un pequeno pulo para poñer en marcha o mecanismo creativo que todos levamos dentro, ás veces case intacto desde a infancia ou mesmo sen estrear.  E se pode dar pé á colaboración de todos, moito mellor. Eis algunha mostra para empezar
  
Caen as augas
sobre a terra reseca.
Florece a herba.
            …..
Caen as augas.
E  as pingotas  afogan
os fracos vermes.
            …..
Mensaxe muda
dentro dunha botella.
Palabras presas.
            ……
Papel en branco.
 Como noiva veada
está á espera.
………………
Timbre na tarde.
Espertar de paxaros
de mesa en mesa.
            …..
Lúa rebelde
medra detrás da Torre.
Quere ser sol.
            …..
Nube doente.
Está preñada de auga
e só da luz.
…………
Vento nordés.
As roseiras sen rosas
tremen e choran

1 comentario:

  1. Os haikus son un bon exemplo da alma xaponesa; sobria e sintética;"minimalista". Algúns destes parécenme moi bos, con imaxes moi boas.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar